Monday 06 de May de 2024

A Xunta e o Consello Galego de Veterinarios renovan o convenio para o control de animais potencialmente perigosos


A conselleira de Medio Ambiente e a vicepresidenta do Consello de Colexios de Veterinarios asinaron esta mañá o acordo para xestionar o Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Consello Galego de Colexios de Veterinarios renovan a colaboración para a xestión do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos; despois de que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e a vicepresidenta do Consello Galego de Colexios de Veterinarios, Ana Mª López Pombo, asinaran esta mañá o convenio de colaboración no que se establecen as bases para a xestión desta base de datos dos animais que existen na Comunidade galega para os próximos cinco anos.

A conselleira destacou que a importancia deste sistema de identificación animal reside no feito de que sexa unha das ferramentas máis eficaces para loitar contra o abandono e, polo tanto, garantir a súa protección e benestar, así como para levar un control sanitario.

Recordou que todos os cans sen excepción e todos os animais considerados potencialmente perigosos deben ser identificados cun microchip, nos seus primeiros meses de vida ou no seu primeiro mes, no caso de ser adoptado, e finalmente inscrito no rexistro de identificación de animais.

Na actualidade, hai preto de 410.000 animais inscritos neste rexistro en Galicia, dos cales un 98% pertencen a especie canina (401.824); mentres que o 2% restante compóñeno gatos (6.627), furóns (345) e outras especies (1.022), fundamentalmente aves e especies exóticas.

Beatriz Mato tamén salientou a importancia e o labor fundamental que realiza o Consello de Colexios de Veterinarios, xa que recollen, comproban e realizan o volcado de datos; atenden as incidencias e ás consultas e dúbidas do público en xeral; e na formación dos veterinarios sobre o funcionamento do rexistro.